Nota de prensa

Éxito de participación e asistencia na sexta edición da “Primavera no Camiño Inglés”, celebrada no encoro de Beche

O Encoro de Beche, no Concello de Abegondo, foi hoxe o escenario da sexta edición da ‘Primavera no Camiño Inglés’, que se celebrou con gran éxito de asistencia e participación. 

 

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, destacou que “o Camiño Inglés está de moda; 26.000 persoas o fixeron no 2022 e recolleron a Compostela, pero temos estudos que reflicten que o número real de peregrinos rondou os 35.000”, agradecendo “o apoio da Deputación da Coruña”. 

 

Antonio Leira, que hoxe representaba á institución provincial no evento e recolleu un premio para o seu presidente,  Valentín González Formoso, puxo en valor que “en moitos dos concellos polos que pasa, o Camiño Inglés xa supón o 10% do PIB local polo seu impacto económico”, lembrando ademais a súa importancia “para fixar pobación no rural”.  

 

O alcalde de Abegondo, José Santiso, quixo lembrar “todo o traballo que se vén realizando desde hai moitos anos para que este Camiño sexa o que é hoxe, un gran éxito”, aspecto que reiterou Ildefonso de la Campa Montenegro, de Turismo de Galicia. 

 

A Primavera no Camiño Inglés é un evento turístico e de lecer impulsado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, co obxectivo de destacar e valorar os diversos atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos que ofrece este emblemático roteiro xacobeo.  

 

Estiveron representados os 18 municipios que conforman o Camiño Inglés na provincia da Coruña: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.  

 

Na feira houbo degustacións gastronómicas, actuacións musicais, obradoiros para nenos e un mercado de artesanía, onde os artesáns locais tiveron a oportunidade de exhibir e vender as súas creacións, todo elo nunha contorna natural de gran beleza como é o Encoro de Beche.