O 5 de xullo de 2023, o mundo do Camiño de Santiago perdeu a un dos seus maiores especialistas, o irlandés John Brierley. Considerado o autor máis lido en lingua inglesa da ruta xacobea, as súas guías sobre o Camiño son das máis completas e interesantes que existen.
Con máis de cincuenta publicacións entre guías e mapas dos diferentes Camiños de Santiago, John Brierley deixou unha pegada imborrable na comunidade de peregrinos. No 2020, escribiu a guía “Camiño Inglés & Camiño Fisterra”, incluíndo o circuito de Muxía. En xuño do ano pasado, publicou “A guía do peregrino do Camiño Inglés: O Camiño Inglés, tamén coñecido como Camiño Celta”.
Dende a Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, queremos enviar as nosas máis sinceras condolencias á súa familia e seres queridos, e agradecer todo o traballo de divulgación dos camiños xacobeos desenvolvido por John.
A súa filla Gemma compartiu unha emotiva publicación na que nos lembrou que, para o seu pai, a morte non era un final, senón o comezo da seguinte gran aventura. “A nova etapa dunha longa peregrinación que abrangue este mundo e o seguinte”, escribiu.
No lugar dun gran funeral, a familia de John celebrará unha cremación tranquila nas próximas semanas. Sen embargo, Gemma convidou a todos a lembrar ao seu pai e enviarlle bendicións no seu camiño da forma que consideren máis adecuada. Xa sexa brindando cunha copa do seu querido albariño galego ou whisky irlandés, recollendo e limpando lixo dun camiño, apoiando a unha das moitas asociacións de peregrinos cuxo traballo tanto respectaba, ou axudando a un compañeiro peregrino no seu camiño.
John Brierley amaba o Camiño. Era a súa paixón, o seu fogar e o seu propósito. Deulle moita alegría e, por iso, queremos agradecer a toda a comunidade peregrina o papel que desempeñaron na súa vida.
Únimonos a Gemma e á familia Brierley na súa despedida, lembrando a John non como alguén que se foi, senón como un peregrino que comezou a súa última e máis grande aventura. O seu legado perdurará en cada paso que damos no Camiño.
Escribe un comentario