Nota de prensa

Manuel Mirás en Fairway: “se o gasto medio dun peregrino no Camiño é de 50€/día, nol Camiño Inglés está entre 51 e máis de 75€/día”

Camino Inglés Faiway

“Se o gasto medio dun peregrino no Camiño está nos 50 euros por día, no Camiño Inglés o gasto medio está entre 51 e máis de 75 euros por día. O que demostra que non esaxero cando digo que estamos ante un diamante en bruto que pasa por diante das nosas casas”. Son palabras de Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, na mesa de debate “Reactivando o Camiño de Santiago”, que tivo lugar esta mañá no Pazo de Congresos de Santiago no marco da cuarta edición de Fairway.

Previamente, o coordinador do grupo de investigación GAME-IDEGA, Melchor Fernández, indicara que o gasto medio dun peregrino no conxunto de Camiños Xacobeos está nos 50 euros por día. “Hai unha dispersión no gasto pola diversidade de peregrinos que hai no Camiño. Hai peregrinos de 200 euros e outros que non pasan dos 30. Todos teñen que estar no Camiño e hai que defendelos a todos”, sinalou.

Perfil do peregrino do Camiño Inglés

Pola súa banda, Manuel Mirás adiantou os datos dun estudo demoscópico realizado en setembro de 2021 entre os peregrinos que chegaban a Sigüeiro a través do Camiño Inglés. Así, explicou que “o perfil de peregrino sae nun 80% de Ferrol, ten unha idade entre 45 e 75 anos e o 65% emplea seis días en percorrer esta ruta Xacobea. O 65% é de orixe nacional, sobre todo de Madrid, Valencia e Andalucía; mentres co peregrino foráneo procede sobre todo de Portugal, Italia, Alemaña e Estados Unidos”.

En canto ao gasto medio por persoa e día, un 45% gasta entre 51 e máis de 75 euros. De feito, é especialmente significativo que ata un 24% dos enquisados asegurou que estaría disposto a prolongar a súa estancia e gastar máis de 75 euros por día, “o que representa un segmento moi atractivo para o noso territorio”, sinalou Manuel Mirás, que mira con optimismo ao futuro ano Xacobeo 2022.

Optimismo cara 2022

Tamén é optimista, Ildefonso de la Campa, director da SA de Xestión do Xacobeo, que destacou que ata onte domingo se concederan 169.861 compostelas en 2021, o que supón unha estimación de 242.265 peregrinos. O Camiño Francés segue sendo a principal entrada, cun 56%, seguido do Camiño Portugués (23%), o Inglés, o Primitivo e o Norte (6%), alertando do perigo de desaparición do mozárabe (2%). Porén, indicou que “estamos preparados para a mellora dos escenarios en 2022, cunha presenza maior de peregrinos estranxeiros. Se todo está ben, pola Covid, será magnífico”.

Pola súa banda, Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela e representante da AMCS Francés, apuntou que “case o 30% do PIB de Triacastela depende das peregrinacións” e pediu que se respecte o aspecto espiritual do Camiño, “que non teñen nada que ver cun destino turístico ao uso, pero que se lle gusta, voltará”.

Eivas que mellorar

O estudo demoscópico realizado en Sigüeiro (Oroso) tamén permitiu detectar algunhas eivas cos peregrinos atopan no Camiño Inglés: falla de infraestruturas de aloxamento, ausencia dunha oferta cultural aberta e sinalizada, así como dunha proposta de actividades ao longo da ruta. Por iso, aa Asociación de Concellos do Camiño Inglés acaba de poñer en marcha este verán a “Red Stelar”, trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino.

Finalmente, a directora xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, adiantou que xa se dirixiron ás autoridades eclesiásticas para que as igrexas do Camiño volvan abrir as súas portas aos peregrinos, ben para orar, ben para visitar culturalmente.