Nota de prensa

O Camiño Inglés estrea unha rede de 28 fontes de auga potable en 18 municipios

fonte

O Camiño Inglés estrea unha rede de 28 fontes públicas de auga potable emprazadas nos 18 municipios que conforman esta ruta xacobea: a primeira das súas características dentro dun itinerario cultural en Europa. Un proxecto que cubre as necesidades das persoas que peregrinan polo Camiño Inglés pero que tamén dará servizo á poboación local.

A iniciativa está promovida e coordinada polo Concello de Abegondo ao abeiro do proxecto Life Water Way. Supuxo un investimento de máis de 973.00 euros, dos que 370.000 euros foron financiados por fondos europeos. Os 603.000 euros restantes foron achegados pola Deputación da Coruña, Augas de Galicia, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

As 28 fontes contan cun innovador sistema de potabilización de auga a través de luz  ultravioleta e filtración. Están emprazadas nos municipios de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. Catro destas construcións (Abegondo, Carral, Ordes e Mesía) aproveitan a auga dos mananciais subterráneos, mentres que nos 24 restantes abastécense da rede de cada municipio.

As fontes dispoñen de billas con protector en aceiro inoxidable satinado e pulsador temporizado, para evitar gasto innecesario de auga. Contan coas cubertas de granito e os laterais de piñeiro, polo que están perfectamente integradas no Camiño Inglés.

Inauguración


A derradeira destas fontes, emprazada en San Caetano (Santiago de Compostela), foi inaugurada esta mañá nun acto que contou coa presenza do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; da subdirectora da Consellería de Sanidade, Inés Mato; e dos deputados de Economía, Facenda e Persoal da Deputación da Coruña, Antonio  Leira; e de Infraestruturas Viarias, Vías e Obras Provinciais, José Manuel Pequeño Castro.

O evento contou tamén coa presenza da xerente da Asociación de  Concellos do Camiño Inglés, Cristina García Souto; así como representantes do Concello de Santiago de Compostela e do equipo de seguimento do proxecto Life Water Way, como o seu Project  manager, Carlos Ameixenda. Ademais, tamén participaron o director de S.A. de  Xestión  do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa e unha técnica do ITG, Lucía Garabato.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, puxo en valor o carácter innovador do proxecto, “co que se buscou primar o coidado da auga e darlle servizo  non só aos peregrinos que  elixen o Camiño Inglés para chegar a Santiago, senón  tamén aos propios veciños e veciñas destes concellos”.

Pola súa banda, Antonio Leira destacou na súa intervención “o traballo conxunto levado a cabo durante 6 anos por todas as administracións implicadas neste proxecto”. Así mesmo, amosouse convencido de que “este vai a ser un punto de inicio” xa que “mañá partimos para Inglaterra para acabar de ultimar onde colocamos unha fonte como esta”.

O proxecto incluíu o deseño dunhas botellas-termo de aceiro inoxidable e con capacidade para 0,5 litros coas que se busca un dobre obxectivo: colaborar no mantemento da rede de fontes de auga e, ao mesmo tempo, contribuír á redución do consumo de plásticos contaminantes..