Consellos

O Camiño Inglés: unha ruta xacobea medieval no século XXI

A icónica igrexa de Santiago da Coruña, punto de comezo do Camiño Inglés na Coruña, acolleu na noite de onte, mércores 28 de setembro, a presentación do libro “O Camiño Inglés: unha ruta xacobea medieval no século XXI”, obra de Cristobal Ramírez, periodista e cronista oficial do Camiño Inglés. Unha publicación promovida polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, esta última coa cesión do seu arquivo fotográfico.

O autor destacou que se trata “dun exemplar imprescindible e necesario para dar a coñecer esta ruta histórica, pola que transcorren os peregrinos dende a Idade Media ata os nosos días, e na que compre seguir investigando con rigor”. Cristóbal Ramírez diferencia dúas partes no seu libro. A primeira é unha recompilación de información existente sobre o Camiño Inglés. A segunda parte é unha guía das diferentes etapas, onde tamén se recollen anécdotas e persoeiros que realizaron este Camiño, ben sexa voluntariamente ou como penitencia.

Á presentación asistiron ademais do autor, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o deputado de Promoción Económica da Deputación, Antonio Leira; a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, e a directora do Servizo de Publicacións da UDC, Nieves Pena.

A xerente da Asociación salientou que se trata dunha “obra necesaria para coñecer a historia e evolución deste Camiño dende a Idade Media,  xa que aínda que hoxe en día non é así, o punto onde chegaban os peregrinos en barco e continuaban ata Santiago de Compostela polo Camiño Inglés era precisamente A Coruña e o templo onde hoxe estamos”..

Tamén destacou que “o Camiño Inglés é unha ruta via e histórica que chega dende a Idade Media ata os nosos días e que sigue crecendo ano tras ano, froito tamén da colaboración entre as entidades e a posto en valor da ruta a través de publicacións como esta”. “No ano 2019 foron 15.780 peregrinos os que solicitaron a Compostela e, a día de hoxe, chegaron 20.869 peregrinos, un 25% máis que en ano de prepandemia. E iso que aínda estamos en setembro”, salientou Cristina García.

Podes adquirir un exemplar de “O Camiño Inglés: unha ruta xacobea medieval no século XXI” ns librerías coruñesas e na Universidade. Mäis información: https://catalogo-publicacions.udc.es/producto/1980/