Paderne
Ocupa a marxe dereita da ría de Betanzos e a liñaxe dos Andrade marca a historia deste lendario municipio.
O Concello de Paderne é un municipio cheo de historia e habería que remontarse moi atrás para atopar os primeiros poboadores.
A liñaxe dos Andrade marca, desde a Idade Media, a historia deste fermoso municipio, tal e como se observa no seu escudo municipal. Nel, temos representada unha ponte cun porco bravo no medio e, a cada extremo, unha cuncha de vieira —símbolo de peregrinos—, que fai referencia ao paso do Camiño Inglés por Paderne.
Unha personaxe desta familia, Fernán Pérez de Andrade “O Bo” no século XIV, mandou construír a ponte sobre o río Lambre para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos, tamén chamada Ponte do Porco, nome que fai referencia ao xabaril que simboliza a casa dos Andrade.
Conta a lenda que Roxín Roxal era un servidor do señor de Pontedeume, Don Nuno Freire de Andrade. Ese mozo namorouse de Teresa, a filla do seu señor. Roxín foi desterrado a fin de evitar que o romance dificultara o casamento de Teresa con Don Enrique, señor de Osorio. Como mostra do profundo aprecio que Don Nuno sentía por Roxín, regaloulle unha valiosa daga na súa despedida. Un día de caza, Don Enrique convenceu á súa muller para que lle acompañara, pero cando estaban situados na ponte, apareceu o xabaril. O señor de Osorio feriu ao enorme animal, pero non dabondo e Don Enrique ao ver o animal correndo cara a el, saltou pola ponte ao río e berroulle á súa muller para que fixera o mesmo, pero Dona Teresa quedou petrificada na ponte morta de medo e o porco bateu contra dela matándoa. Poucos días despois apareceu morto na mesma ponte o porco bravo; tiña cravada na gorxa a daga que Don Nuno regalara a Roxín Roxal. O señor de Andrade comprendeu que a súa filla tería mellor valedor neste valente mozo. A partir dese momento a ponte foi coñecida como a Ponte do Porco.
En Paderne cóntase con referencias históricas sobre o Camiño desde o século XII, avalando a ruta á tumba de Santiago, e consolidada gracias á hospitalidade que ofrecían as casas auspiciadas por diversas ordes relixiosas, ao apoio dalgúns nobres e aos hospitais do ‘Sancti Spiritus’, como o antigo Hospital de Guende fundado aproximadamente no ano 1445 na parroquia de Souto, lugar de Chantada, e que servía de protección e refuxio aos que por alí pasaban. Frei Martín Sarmiento, na súa viaxe do ano 1745, deixa constancia do paso polo hospital non quedando daquela máis que restos.
Seguindo con este breve repaso histórico, en 1779 o presidente dos Estados Unidos, John Adams, visitou o municipio e describiu a zona de Ponte do Porco, lugar no que parou a comer, como unha terra fértil cultivada desde o alto do monte ata a beira do mar.
Xa no século XX a construción da Ponte do Pedrido, deseñada por Eduardo Torroja Miret, marcou un fito na vida das xentes da comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións, como polos avances que se empregaron na súa construción e facilitando así a comunicación entre as marxes da ría.
Paderne, un “Paraíso entre ríos”, territorio Reserva da Biosfera, un lugar cargado de historia e beleza que, unido á hospitalidade dos seus habitantes, fan deste concello un lugar especial da nosa xeografía.