O CEIP Camiño Inglés tivo a honra de recibir a dúas destacadas estudantes da Universidade de Durham, Caitlin Elizabeth e Mia Rubie, nunha visita que marcou un paso mais na promoción do Camiño Inglés en Galicia e nas Illas Británicas.
No marco dun intercambio universitario, Elizabeth e Rubie uníronse a nós para colaborar na difusión da rica cultura e tradición do Camiño Inglés. A visita, que se levou a cabo nun ambiente de entusiasmo e aprendizaxe mutua, resultou ser un día de grande enriquecemento tanto para os nosos alumnos como para as nosas convidadas.
O intercambio cultural non só permitiu aos nosos estudantes obter unha visión máis ampla do mundo, senón que tamén ofreceu ás nosas convidadas a oportunidade de mergullarse na cultura do camiño e experimentar de primeira man a hospitalidade da comunidade do CEIP Camiño Inglés.
As estudantes Caitlin Elizabeth e Mia Rubie, ademais da súa participación no evento “Primavera no Camiño Inglés”, estiveron colaborando activamente na difusión de información sobre o Camiño Inglés ao seu paso polo territorio británico. Ambas están a desenvolver os seus estudos cun enfoque particular nos recursos e potencialidades do Camiño Inglés, en estreita colaboración coa Asociación de Concellos.
Como parte do seu compromiso e para coñecer a fondo todo o que ofrece o Camiño, percorreron as etapas do Camiño Inglés desde Ferrol e A Coruña, mergullándose na experiencia e na rica cultura da rexión. A súa participación foi un valioso aporte para a nosa asociación e para a promoción do Camiño Inglés polo que queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Caitlin, Mia e á Universidade de Durham polo seu apoio e compromiso coa nosa asociación. Este intercambio reforzou os lazos entre as nosas culturas e demostrou o poder da educación e a colaboración para superar as barreiras e unir ás persoas.
Xuntos, continuaremos traballando para promover e fortalecer a relación entre Galicia e as Illas Británicas a través do Camiño Inglés. Para máis información, visite o noso sitio web: www.caminoinglés.gal.
Escribe un comentario