Asociación de Concellos do Camiño Inglés

O Camiño de Santiago

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés foi constituída no ano 2019, aínda que moitos dos concellos que a conforman teñen unha gran experiencia no impulso desta ruta xacobea desde hai anos. Na actualidade, está formada por 16 concellos: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

Un ente xestor e promotor do Camiño Inglés que conta como obxectivos principais a posta en valor dos recursos patrimoniais vinculados ao Camiño, tanto artísticos como culturais, paisaxísticos ou enogastronómicos, a salvagarda dos valores esenciais do Camiño e a peregrinación, así como o coidado e atención axeitada ao peregrino que percorre o Camiño Inglés.

Unha mensaxe do presidente de honra

Manuel Mirás Franqueira

Terra, mar, terra. O Camiño Inglés é unha das rutas xacobeas máis singulares. Singular porque as súas orixes as atopamos nas illas británicas, cun primeiro tramo a pé ata os portos do sur. Singular porque dende aló se inicia unha peregrinación por mar a Compostela que non existe no resto de camiños e que mesmo semella emular o traxecto que fixeron os restos do Apóstolo Santiago dende Xerusalén. E singular, por terceira vez, porque o Camiño Inglés é a única ruta xacobea que no seu derradeiro tramo discorre enteiramente pola provincia da Coruña.

Un auténtico tesouro que os municipios polos que discorre levamos moitos anos tratando de defender. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés é o froito dese traballo a prol da posta en valor desta ruta xacobea. A súa constitución supón a demostración de que os municipios queremos unir esforzos para, co apoio da Deputación da Coruña, traballar en conxunto para que o Camiño Inglés poida dar así un salto de calidade.

Se co noso traballo somos quen de axudar a que máis persoas camiñen polos seus sendeiros, se somos quen de traballar conxuntamente pola posta en valor deste patrimonio e se somos quen de concienciar ás nosas xentes do diamante en bruto que pasa por diante das súas casas, poderemos darnos por satisfeitos.

Presidente da asociación de concellos do camiño ingles

Concellos membros da Asociación