A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Sociedade deportiva Compostela–Tambre–Lengüelle, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, organiza o domingo 21 de xullo a terceira edición da Media Maraton do Camiño Inglés 2024, que constará de dúas probas para adultos.
Por un lado, a media maratón (21 qms) que partirá as 10:00 horas dende a Igrexa de Ardemil (Concello de Ordes) seguindo a ruta do Camiño Inglés. Haberá outra proba de 10 quilómetros que partirá tamén ás 10:20 horas de Ponte Pereira – Área de lecer de Os Carabelos (Concello de Ordes) seguindo tamén a ruta do Camiño inglés.
Contará tamén con dúas probas adicionais para a rapazada: un circuíto de 3 quilómetros para rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos, e outro circuíto de 1,5 quilómetros para rapaces e rapazas de entre 10 e 13 anos.
A proba presentouse esta mañá no Concello de Oroso, na explanada da piscina municipal de Oroso, onde será tamén a zona de meta das diferentes probas deportivas, nunha rolda de prensa na que interviron o presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira; Antonio Leira, deputado provincial; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o alcalde de Oroso, Álex Doval, e Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo. Tamén houbo representación do Concello de Abegondo.
Mirás destacou “a importancia destes eventos como promoción do Camiño Inglés, combinando deporte e natureza e animou a inscribirse a esta proba para chegar aos 300 corredores”, mentres que Antonio Leira puxo en valor “a importancia da colaboración entre diferentes administracións que fan posible este tipo de eventos”.
Os alcaldes de Ordes e Oroso consideran este tipo de eventos de gran interese para a localidade e para unir turismo e deporte, mentres que Iván Sanmartín destacou que a inscrición sigue aberta e animou aos corredores a participar. Na segunda edición participaron aproximadamente uns 250 corredores. Esta iniciativa, de carácter deportivo, axuda a difundir e poñer en valor o Camiño Inglés de forma lúdica, principalmente entre a poboación local.
Más información sobre a Media Maraton do Camiño Inglés 2024 e inscricións en www.carreirasgalegas.com